Monday 13 de May de 2024

Inés Rey: “A Domus é parte do que nos define como cidade”


 

A alcaldesa recorda no 25 aniversario deste museo o papel que tivo Núñez Centella en convertelo no primeiro de carácter científico e interactivo dedicado ao ser humano

Con motivo dos 25 anos da Domus, a alcaldesa, Inés Rey,
recorda que a que naceu coa vocación de dar a coñecer diferentes aspectos do ser humano
dunha forma distinta e interactiva “é parte do que nos define como cidade; os Museos
Científicos e a Rede de Bibliotecas confírenlle eses matices que a fan distinta”. A rexedora
destacou que, hoxe máis que nunca, “a actualidade confírmanos que non podemos deixar
de lado a investigación, que o coñecemento ten que ser a prioridade de todos os gobernos
e, como tal, as administracións deben impulsar a ciencia desde a escola e con iniciativas e
museos como os catro en que A Coruña amosa os seus avances e curiosidades dunha
forma diferente”. Tamén destacou o papel de Ramón Núñez Centella, que foi o primeiro
director dos Museos Científicos, ao entender que estes edificios tiñan que falar coa xente e
que nesas conversas debían formular cuestións que o público despexaría logo de realizar
experimentos ou exercicios en directo.
Pola súa parte, o director dos Museos Científicos, Marcos Pérez, sinalou que nestes 25
anos, “a Domus ensinounos de que estamos feitos, como funciona o noso corpo, como nos
relacionamos coa contorna e por que somos intelixentes”. O responsable engadiu que en
todo este tempo, “o centro amosoulles ás persoas visitantes que se chegamos aquí é por
sermos seres sociais e porque, como tal, podémonos enfrontar xuntos ás dificultades. Hoxe,
a ciencia dános unha ferramenta moi poderosa para buscarmos un futuro mellor”.

Nota de Prensa

O segundo dos tres Museos Científicos Coruñeses ergueuse coa condición de ser o único
que daquela xiraba arredor da especie humana dun modo interactivo. Deseñouno o
arquitecto xaponés Arata Isozaki coa axuda do galego César Portela e conta con máis de
150 módulos que se foron renovando cos anos, onde as espectadoras e espectadores non
son axentes pasivos, senón que constitúen a última e máis esencial das pezas dunha Casa
da Humanidade en que se aprende dunha maneira lúdica.
Para celebrar a efeméride, a Domus proponlle á veciñanza que achegue fotografías
vinculadas co museo e anímaa a que, nestes días de confinamento, comparta as súas
lembranzas ou realice debuxos inspirados nas súas experiencias baseándose na idea de
que a participación do público é a que lle dá sentido a este museo que cumpre hoxe o seu
25 aniversario.